O 1º de Maio e as tarefas revolucionarias do proletariado

Crise!, pandemia!, morte!, máis crise!, guerra!, máis morte! O mundo capitalista ofrécenos un decrépito panorama de crise permanente…E este é o mundo que a burguesía pretendía crear ao fin despois de liberarse do seu inimigo comunista durante o século XX! Isto é o que pode ofrecernos a burguesía! Esta é a “fin da historia”… que agora corren con présa a revisar, matizar e poñer en solfa os comentaristas e tertulianos a soldo do capital. Achámonos realmente ante a crueza non da “fin da historia”, senón da fin e a derrota do primeiro gran ciclo revolucionario que lanzou o proletariado internacional. Unha clase  que volveu á gris normalidade histórica de ser unha variable económica máis, afundida nunha crise constante e unha miseria permanente. Sacudida polos envites insaciables do capital e masacrada polas guerras imperialistas e de agresión coas que se reparten o globo as distintas burguesías. Ata tal punto é rotunda a vitoria xeral para o capital na actual conxuntura histórica, que os novos adversarios para o bloque imperialista occidental non poden ser senón vellos coñecidos  e aliados… como as novas burguesías de antigos países socialistas como Rusia e China, agasalladas e espoliadas, con diñeiro e droga dura, con paraísos fiscais e mafias, durante a ofensiva final contra a Revolución Proletaria Mundial. Así, o knock-out do inimigo de clase parece ter coma epílogo unha xa anunciada Terceira Guerra Mundial. Este é o teu  mundo,  a túa criatura, burguesía!

Ante outro Primeiro de Maio no medio dunha crise a todos os niveis, as intereses comúns e universais do proletariado maniféstansenos aínda máis claramente se cabe. Mais, á vez, máis traxicamente se manifesta a falta de horizonte revolucionario e de futuro emancipador para a nosa clase. É tal a crise xeral na que se acha instalado o imperialismo, que a vía da reforma coma alternativa emancipadora ou de “acumulación de forzas” está pechada dende hai xa máis dun século. De feito, non existe hoxe en día ningún horizonte de reforma que poda imaxinar (non digamos xa construír) un mundo diferente. É tan imposible coma que o Sol deixe de saír ou que o vento cese de soprar. Só quedaría aspirar a unha “mellor xestión”… da crise, da pandemia, das excolonias? Da guerra? Dende o consello de ministros e ministras ata as centrais sindicais  as asembleas de base, o reformismo morado y o revisionismo “comunista” —feminista e socialchauvinista— engraxan toda a engranaxe do Estado capitalista. “Nós fariamolo mellor”! Esta é a vía tan coñecida xa do reformismo e as súas criaturas revisionistas: apuntalar o mundo de crise e morte para o proletariado mundial.

Así como a gran burguesía segue pelexando con vellos coñecidos e pantasmas, o groso da vangarda comunista segue presa do vello paradigma que atravesou todo o pasado século de revolucións. O revisionismo —á esquerda da burguesía e liña burguesa na vangarda e o movemento obreiro— segue obcecado nos mesmos esquemas inoperantes: a crise radicalizará a clase e prenderá a mecha da revolución. Engadíndolle unha pandemia de por medio e decenas de guerras de agresión imperialista na última década (dende Libia a Ucraína, pasando por Siria ou Iemen, por exemplo), as expectativas deberían de ser agradables para estes vendedores de revolución. Delegar na miseria proletaria as propias tarefas revolucionarias! Que vangarda! Que tempos! Pero non son estas crises as que entrañan verdadeiras leccións. Estas mesmas despréndense do Ciclo de Outubro (1917-1989): as crises non acercan a revolución, senón que tensionan e radicalizan á reacción. Esta é unha ensinanza crucial do período de entreguerras, referencia en boga agora para novísimos opinadores e exministros progresistas. O tensionamiento (a construción mesma!) do suxeito revolucionario emana doutra parte, como é a política da vangarda. Poñer o grito no ceo, agora, pola reaparición da besta parda (parece a fábula de Pedro e o lobo!) e pola necesidade de frontes democráticas, bloques socialistas e unidade antifascista non é máis que outra mostra do seguidismo e a subordinación a unha ou otra facción da burguesía. Precisamente, tamén do Ciclo de Outubro podemos extraer a valiosa lección de que só o proletariado constituído coma clase independente e revolucionaria —na Unión Soviética e China— puido vencer ao nazi-fascismo… e á democracia burguesa.

Con todo, incluso a propia actividade teórica darredor de ditas leccións para a estratexia revolucionaria —o Balance do Ciclo de Outubro— é descartada frivolamente ante a necesidade apremante de “práctica”, de “acción”. Pero a revolución non é un self-service deseñado a medida. Ten as súas tarefas obxectivas. Este debe de ser o obxectivo último ao que serve o Balance do Ciclo de Outubro: volver constituír ao proletariado coma clase revolucionaria, en forma de Partido Comunista. O Balance ten enteiramente esta vocación práctica e desprégase agora coma a praxe necesaria entre a vangarda, enchendo toda unha primeira etapa do proceso revolucionario ata culminada a reconstitución ideolóxica e política do comunismo. Acompasar na nosa preparación ideolóxico-política  ás leccións y tarefas abertas polo Ciclo de Outubro é o primeiro requisito para poder abrir un novo e definitivo ciclo da Revolución Proletaria Mundial. A fusión social entre a vangarda rearmada ideoloxicamente e as masas da clase, como Partido Comunista, permitirá comezar a abordar as tarefas globais da nova sociedade comunista, desenvolvéndose a partir da Guerra Popular contra a burguesía e o seu mundo.

Ante a nova guerra de agresión imperialista en Europa, puidemos comprobar como, encharcados uns e outros nun pacifismo e un nacionalismo vergoñentos, áchase desaparecida dos debates entre a vangarda comunista a estratexia militar universal do proletariado revolucionario. Precisamente porque a súa estratexia política tampouco recibe a atención e a orientación correctas nas condicións actuais de bancarrota mundial, que require retomar as primeiras tarefas máis elementais do plan revolucionario. Por aquí debemos comezar a tirar do fío vermello, para poder finalmente traer a guerra revolucionaria a este mundo e construír o comunismo como alternativa civilizatoria.



¡Abaixo o imperialismo e as súas guerras!

¡Viva o internacionalismo proletario!

¡Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!